Hipatia e a biblioteca de alexandríA



Yüklə 18,19 Kb.
tarix26.11.2017
ölçüsü18,19 Kb.
#12782


HIPATIA, AMENÁBAR E A BIBLIOTECA DE ALEXANDRÍA

HIPATIA, O PERSONAXE

Arrastrados polo remuíño mediático da súa estrea, acudimos profesores dos Departamentos de Filosofía, Latín, Xeografía e Historia e Matemáticas a ver Ágora, a última película de Amenábar na que se conta a historia de Hipatia, interpretada pola actriz Rachel Weisz. Se ben o peplum tecnicamente resulta irreprochable -a recreación das rúas de Alexandría, do Faro, da Biblioteca, da Ágora, etc. son extraordinarias- e reflicte igualmente con fidelidade a irracionalidade do fanatismo relixioso, en cambio non son poucos os críticos que afirman que Amenábar basea o argumento nun dos peores materiais que existen sobre a científica, rexéndose por criterios comerciais sen lle importar inventar, ou incluso mentir, con tal de converterse en éxito de taquilla. A modo de exemplo, a película deixa entrever que foi Hipatia a descubridora da teoría heliocéntrica adiantándose a Kepler máis de mil anos, cando non existen probas que avalen semellante feito.

Quen era, pois, Hipatia? Das numerosas fontes consultadas, puiden extraer os seguintes datos referentes á apaixonante biografía desta muller:


Naceu en Alexandría –importante cidade de Exipto, nesta época provincia romana- cara ao ano 370 d.C., se ben algúns investigadores falan do 350 ou do 355, e morreu nesta mesma cidade no ano 415. Foi filla do matemático e filósofo Teón de Alexandría, que supervisou a súa educación permitíndolle desenvolver os seus dotes excepcionais ata converterse en astrónoma, física e matemática, algo extremadamente difícil nunha época na que as mulleres non tiñan dereito á educación e as súas vidas transcorrían en “tarefas femininas” dentro dos seus ámbitos familiares.

Respecto á súa obra, sabemos por referencias que foi autora de tres traballos: un sobre astronomía, outro sobre filosofía e un terceiro sobre matemáticas. É probable que colaborase activamente nalgunhas das obras atribuídas ao seu pai. Sabemos igualmente que inventou un aparello para destilar auga, un hidrómetro graduado para medir a densidade dos líquidos e un artefacto para medir o nivel da auga.


En torno ao ano 400 converteuse en directora da escola platónica de Alexandría, polo que foi alcumada como “A Filósofa”. Ás súas clases acudían xentes de toda Europa, África e Asia. Entre os seus alumnos houbo futuros bispos, gobernadores e prefectos imperiais, para moitos dos cales ela exerceu de conselleira. Un dos máis famosos foi Sinesio de Cirene, que co tempo chegaría a ser bispo da Pentápolis. As cartas enviadas por este a Hipatia reflicten a admiración e o respecto que sentía cara á que fora profesora súa.
Co transcurso do tempo, Alexandría, que durante anos fora exemplo de tolerancia relixiosa, foise facendo cada vez máis critistiá chegando a ser numerosos os grupúsculos de cristiáns fanatizados. Nesta nova situación, os filósofos neoplatónicos non eran ben vistos, e pronto sufriron persecucións. Algúns convertéronse á relixión dominante, pero Hipatia -que fronte ao misticismo optaba pola ciencia, aborrecía a superstición e defendía a tolerancia e a liberdade de pensamento- seguiu a ser pagá malia os consellos do seu amigo Orestes, prefecto romano e alumno seu.
No ano 412 o bispo Cirilo de Alexandría foi nomeado Patriarca, un título de dignidade eclesiástica case equivalente ao do Papa de Roma. Cirilo era un católico exaltado que non toleraba o paganismo. Algúns historiadores cren que este foi o principal responsable da morte de Hipatia, pois crearía un ambiente de odio e fanatismo cara a ela acusándoa de feiticeira e bruxa pagá. O propio Sócrates Escolástico, historiador cristián da época e un dos que aspiraba a unha maior obxectividade informa que o feito era imputado polo pobo a Cirilo e á Igrexa de Alexandría. Incluso a obra colectiva Reformadores da Igrexa, publicada en 1970 co imprimatur eclesiástico, escribe o seguinte acerca deste santo católico, que figura entre os máis grandes: “Cando menos é moralmente responsable do abxecto asesinato da ilustre pagá Hipatia”.
A morte de Hipatia, -resolta por Amenábar dun xeito menos tráxico e máis poético- foi recollida por Juan de Nikio, bispo de Exipto no século VII, e narra como un grupo de cristiáns “aloucados, impetuosos e violentos” foron na súa busca, golpeárona, espírona, e arrastrárona por toda a cidade ata o templo chamado Cesareo; alí continuaron coa tortura cortándolle a pel con caracolas afiadas ata que morreu. Despois descuartizaron o seu corpo, leváronno a un lugar chamado Cinarón e finalmente queimárono.
Hipatia e a súa historia foron esquecidas case por completo. Durante máis de mil anos apenas foi nomeada nun par de volumes. Ata que a súa figura non foi rescatada e reivindicada pola Ilustración, Hipatia non foi máis que unha nota a pé de páxina. Pola contra -contradicións da historia- Cirilo foi santificado; na actualidade se lle considera doutor da Igrexa e a súa figura é venerada por católicos, ortodoxos e anglicanos.

A BIBLIOTECA

A queima da Biblioteca de Alexandría, lugar no que Hipatia levaba a cabo as súas investigacións, é unha das escenas máis imponentes de Ágora; Amenábar presenta unha turba inmensa de fundamentalistans cristiás de negro rigoroso -baixo os planos aéreos da cámara semellan auténticas cucarachas que avanzan envoltos nos sons da música de Dario Marianelli- incendiando os manuscritos desta. Pero, que hai de verdade en todo isto? Velaquí un breve repaso da historia da que fora a máis famosa biblioteca da humanidade:
Alexandría foi fundada, como indica o seu nome, por Alexandre Magno no ano 332 a.C. e, trala súa morte, Ptolomeo, que fora nomeado sátrapa do país polo propio fundador da urbe, non tardou en coroarse rei co nome de Ptolomeo Soter. Con este, Alexandría converteuse en capital de Exipto e no lugar máis cosmopolita da súa época.
Diversos historiadores fálannos dunha cidade de enormes dimensións, con grandes avenidas e monumentos maxestosos; entre eles a tumba do mesmo Alexandre Magno e o Faro -recreado na pelícua- construído por Ptolomeo con máis de 130 metros de altura e considerado como a “sétima marabilla do mundo antigo”.
Cónstanos que Ptolomeo foi un rei preocupado polo mundo intelectual, sentindo, ademais de ser historiador, gran atracción pola ciencia; por esta razón concibiu un dos proxectos máis magnánimos de cantos se realizaron na antigüidade, a creación dun museo e dunha biblioteca.
Foi ideado o museo como lugar de estudo e de experimentación. Tiña dez salas de investigación a modo de facultades e dependencias diversas, como zoolóxico, xardíns, estancias para o estudo anatómico e incluso un observatorio astronómico.

A Biblioteca, quizais unha instancia máis do Museo, converteríase no centro de recompilación do maior volume de libros do orbe. Tiveron cabida nela obras de filósofos, científicos, pensadores e eruditos de tódalas ramas do saber.


Os libros procedían de tódolos recunchos do mundo coñecido. Rolos de papiro procedentes dos máis remotos lugares de oriente e occidente chegaban en barco ao porto de Alexandría onde, tras ser comprados, pasaban a engrosar o catálogo da Biblioteca. Deste xeito en varios séculos chegaron a reunirse case medio millón de libros, polo que é moi posible que Ptolomeo III construíse a finais do século III a.C. xunto ao templo dedicado ao deus Serapis, chamado Serapeo, unha segunda Biblioteca denominada “Filla” por quedar pequena a primeira.
Durante a dominación romana, cando Xulio César incendiou a flota exipcia no século I a.C., as chamas alcanzaron a Biblioteca principal queimándose -segundo Tito Livio- uns 40.000 libros. Esta sería reconstruída, se ben a finais do século III d.C. estaría abandonada por mor das sucesivas destrucións sufridas pola cidade.
A segunda Biblioteca manteríase uns cen anos máis. Cóntase que esta acrecentou o seu volume cando Marco Antonio entregou a Cleopatra cerca de 200.000 rolos procedentes da biblioteca de Pérgamo. Finalmente, e de acordo cun manuscrito do século V, a Biblioteca sería destruída de xeito definitivo no ano 415 ao resultar afectada pola chamas do Serapeo mandado queimar polo antes mencionado Patriarca Cirilo de Alexandría.
Resulta paradóxico que un centro de saber fose devastado a causa da intolerancia e dos prexuízos relixiosos. Sabemos que a Biblioteca albergaba obras como o Antigo Testamento, que non se perdeu porque había copias gregas feitas na propia Biblioteca. Contaba tamén coas obras de Esquilo, Sófocles e Eurípides. Así, trala súa queima, só puideron recuperarse sete das 123 traxedias escritas por Sófocles. A perda de coñecementos literarios, filosóficos, médicos, matemáticos, xeográficos, astronómicos… foi inconmensurable, xa que nela estaba reunido –parafraseo ao científico Carl Sagan- “por primeira vez de modo serio e sistemático, o coñecemento do mundo”.
Cantos séculos retrocedeu a humanidade o día fatídico, no que o saber das mentes máis praeclaras da historia substanciado en rolos de papiro quedou reducido a cinza? Podo afirmar que moitos, xa que a aniquilación dogmática do espírito crítico foi responsable da longa noite de pedra da Idade Media e de máis dun milenio perdido para o coñecemento. Sírvanos, a modo de reflexión, o feito de que cando a imprenta foi inventada, dez séculos despois, apenas se recolleron en Europa pouco máis de trinta mil libros, os cales non contiñan nin a décima parte do saber atesourado en Alexandría. De se preservar a Biblioteca, o mundo hoxe, quen o dubida, sería ben distinto. Quizais os homes e as mulleres estariamos na actualidade facendo turismo polas estrelas.
Manuel Rodríguez Santos
Yüklə 18,19 Kb.

Dostları ilə paylaş:




Verilənlər bazası müəlliflik hüququ ilə müdafiə olunur ©www.genderi.org 2024
rəhbərliyinə müraciət

    Ana səhifə